Nesta entrada deixo un enlace a unha páxina onde hai infinidade de preguntas para poñer a proba o voso dominio das palabrotas matemáticas. Toca todos os temas: aritmética, xeometría, álxebra, números...
Algunhas temáticas e preguntas son máis ben para a ESO, pero seguro que sodes quen de resolver a maioría. E se non é así, a repasar e intentalo de novo, seguro que aprendedes un montón.
Como sei que varios de vós sodes moi fans do "quebracabezas binario" que fixemos en clase, deixo aquí un novo para que o resolvades se queredes.
Xa sabedes as regras:
Hai que encher con ceros e uns todas as casillas
Ten que haber tantos ceros como uns en todas as filas e en todas as columnas
Non pode haber máis de 2 ceros consecutivos (en filas ou columnas) nin máis de 2 uns seguidos.
Tamén deixo unha APP para móbil ou tablet android con quebracabezas deste tipo. Chámase "Mr Binario". Éste é o seu aspecto no Play Store.
Ollo! os quebracabezas desta APP teñen unha particularidade: Non pode haber dúas filas ou dúas columnas idénticas. Así que cando esteades atascados, hai que arriscar un pouco e ver se poñendo "cero" ou "un" non queda ningunha fila ou columna igual a outra. É un pouco máis difícil, pero mola.
Nesta entrada temos un reto: Facer o maior número posible de parellas con sumas de números decimais. Pode facerse con ou sen cronómetro, pero a presión do tempo sempre lle da emoción ao tema... je je je.
Anímovos a probar, eu estou enganchado..
A desfrutar !!!
Recordatorio: Facede un uso responsable das pantallas, non é recomendable pasar moito tempo seguido diante delas.
Como falamos en clase, para seguir traballando coas porcentaxes, as fraccións e os decimais ao tempo que traballamos a estatística e as gráficas, propóñovos esta breve enquisa pechada de resposta única sobre o voso deporte favorito.
Animádevos a participar para que a mostra sexa o máis ampla posible.
Que tal vai a memorización das táboas de multiplicar?
Déixovos nesta entrada unha actividade de bingo para practicalas. Inclúe a construción dos cartóns, como os que fixemos en clase, e das bolas cos números. Fai clic na imaxe para descargar a actividade. Constrúe o bingo e...
A desfrutar en familia !!!
Deixo nestes enlaces, a modo de exemplo, as fotos duns cartóns e fichas cos números que fixemos os meus fillos e eu hai uns anos na casa.
Neste video estamos xogando unha partida despois de construír o material. Pasámolo xenial !! Neste enlace (Aulas Galegas) tedes as instrucións para construir un bombo artesanal caseiro de extracción de bolas.
Por se vos aburrides, e queredes darlle un pouco ao coco repasando vocabulario matemático, calculando e deseñando, vou deixarvos uns retos. Por suposto, é voluntario e só para desfrutar facéndoo.
A entrada de hoxe vai ser un vídeo bastante espectacular que atopei en youtube de un home, Nigel Stanford, que combina música con física. Como sempre vos digo, as matemáticas son a ferramenta que empregan a física e outras ciencias para avanzar. As matemáticas son a continua busca de patróns.
Desfrutade do vídeo (e non o intentedes en casa sen supervisión dun adulto 😜).
Mellor, escoitar con cascos.
E agora veñen as preguntas:
Por que se torce o chorro de auga? por que se forman eses debuxos coa area? por que son simétricos? por que saltan o aceite a auga? por que as lapas fan eses patróns? por que se forman circunferencias concéntricas? por que saen raios cara ao protagonista? por que non lle fan dano?..
Na ciencia e na vida temos que facernos preguntas constantemente para aprender e avanzar. Cantas máis, mellor. E no camiño da busca de respostas está a aprendizaxe (aínda que non atopemos a resposta...)